Asociación Galega de Guionistas

Outubro 30, 2010

Curso de Producción para Guionistas

Filed under: Formación — guionistasgalegos @ 10:51 am

A Asociación Galega de Guionistas, coa colaboración da SGAE, desenvolve o sábado 6 e o domingo 7 un seminario de Producción para Guionistas.

O seminario ten como obxectivo proporcionarnos os coñecementos necesario para saber adaptar os productos que os guionistas creamos ás necesidades de contidos e formatos que demanda o mercado, e coñecer que clientes potenciais teñen os nosos proxectos.

Alfonso Blanco (productor de “Matalobos”, “A vida por diante”, “Padre Casares”, “El menor de los males”, “De bares”, “Mareas Vivas”, etc) é o profesional que impartirá o curso.

O seminario desenvolverase na sede da SGAE de Santiago de Compostela en horario de 10 a 4, cunha breve pausa para un tentempé á 1.

É gratuito para os socios de AGAG, o mesmo que para parados e estudantes. Para o resto dos asistentes, o precio é de 20 euros.

Para inscripcións, escreber a guionistasgalegos@gmail.com proporcionando nome, teléfono de contacto, profesión e situación laboral.

 

Outubro 25, 2010

Xornadas Terapéuticas da AAG

Filed under: Uncategorized — guionistasgalegos @ 3:15 pm

Esta semana celébranse unhas Xornadas de Teatro e Audiovisual que organiza a Asociación de Actores e Actrices de Galicia;  terán lugar este mércores 27 dende as 10.00 da mañá no Consello da Cultura Galega (Pazo de Raxoi, Santiago). Baixo o nome “Xornadas Terapéuticas da AAG, en busca dun tratamento eficaz”, comezarase pola mañá coa mesa “A crise e o teatro, ¿ou o teatro en crise?” e continuará despois das 16.30 coa mesa “A crise do audiovisual ou o audiovisual en crise?”.

Póñovos debaixo o documento cos detalles.

XORNADAS TERAPEUTICAS-web

Outubro 22, 2010

Axudas ao talento

Filed under: Uncategorized — guionistasgalegos @ 10:32 am

Parece que de momento podemos respirar tranquilos no que se refire a futuras convocatorias de Axudas ao Talento. Corcón, presidente de AGAG,  púxose en contacto  co Xerente do Consorcio Audiovisual de Galicia, Anxo Quintanilla, e este aseguroulle que as axudas se van manter e que desde o propio Consorcio se valoran moi positivamente os resultados das mesmas.

Conclusións de FAGA e ALMA sobre o Encontro de Guionistas en Valencia

Filed under: Uncategorized — guionistasgalegos @ 10:14 am

Déixovos a pé  o documento redactado por ALMA e FAGA sobre o Encontro de Guionistas que se celebrou en Valencia a primeiros deste mes.

CONCLUSIÓNS DE FAGA E ALMA AO PRIMEIRO ENCONTRO DE GUIONISTAS

Outubro 20, 2010

Manifesto en contra da desaparición de axudas ao talento

Filed under: Uncategorized — guionistasgalegos @ 2:13 pm

Ante o perigo de que se reduzan e desaparezan as axudas a guionistas individuais para a escrita de guións (as chamadas “axudas de creación e desenvolvemento do talento audiovisual”)  un grupo de profesionais do audiovisual elaborou un manifesto para facer pública a súa preocupación e a súa oposición a esta posibilidade.  No enlace atoparás as indicacións de como asinalo.

A posibilidade de que, como nos vellos tempos, só as productoras podan presentar guións para o seu desenvolvemento non deixa de ser preocupante. Sen estas axudas, tal vez Oliver Laxe non tería gañado o premio da Quincena dos Realizadores en Cannes. Ninguén debería despreciar a potencialidade dos creadores galegos, e moito menos o propio goberno. E a supresión destas axudas sería un acto de enorme desprecio que os creadores galegos non merecen.

Tanto  o Xornal de Galicia coma El País incluen información sobre este asunto. Podedes ademáis atopar máis info no blog do noso compañeiro Marcos Nine.

Outubro 13, 2010

Artigo de Alfonso de la Puente (AGAG) sobre o Encontro de Guionistas

Filed under: Uncategorized — guionistasgalegos @ 5:46 pm

Deixámosvos aquí a crónica de Alfonso sobre o recente Encontro de Guionistas dos que xa tratara o presidente de AGAG nun post anterior.

I Encontro de Guionistas de Valencia

As Conversacións de Valencia

de Alfonso de la Puente

En maio de 1955 tivo lugar en Salamanca un encontro entre cineastas da vella escola y mozos recén saídos do Instituto de Investigacións e Experiencias Cinematográficas entre os que se contaban futuros grandes talentos como José Antonio Bardem, Basilio Martín Patino ou José Luis Borau. Bardem calificou ao cinema español de entón como politicamente ineficaz, socialmente falso, intelectualmente ínfimo, esteticamente nulo e industrialmente raquítico. Aquilo tiña que cambiar. E así sucedeu. Nese providencial encontro naceron as bases do que se convertiría anos despois no Novo Cinema Español. Aquel encontro pasou a historia como as Conversacións de Salamanca.

Salvando al lóxicas distancias entre directores furiosos e guionistas desamparados, despois de asistir ao Primeiro Encontro de Guionistas, que se desenvolveu no IVAM de Valencia entre o 1 e o 3 de outubro, teño a sensación de que vivín un momento histórico. Pode soar a arroutada pretenciosa, porén é así como o sinto, ademáis nesta vida hai que ter de cando en vez arroutadas tolas e ser un pouco pretencioso para que te tomen en serio. É a primeira vez que teño conciencia real de pertencer a un colectivo, un colectivo que a día de hoxe é unha pantasma social, sen presencia nos medios de comunicación, sen voz nos sindicatos maioritarios e sen nomes propios na memoria do espectador, mais colectivo á fin. Acabouse esa imaxe ostracista do escritor audiovisual –etiqueta da que gosto máis que a de guionista- so na súa casa, agobiado fronte ao documento Word en branco, illado do mundo e dos seus colegas. Acabouse. Agora podemos falar en plural. Creo que me deixei levar pola euforia e debo corrixir algo. A imaxe do escritor agobiado fronte ao documento Word en branco vai seguir exactamente igual.

Sinto que algo empeza a cambiar. Agora alomenos nós sabemos que existimos. Xa non seremos lendas urbanas ambulantes por máis tempo. Puxemos cara a nomes que só leramos en créditos. Compartimos opinións acerca de problemáticas que nos afectan a todos como a regulación dos contidos nesa terra de ninguén que é internet, o establecemento de tarifas profesionais que sexan respectadas polos productores ou se os guionistas de non ficción deberían  cobrar ou non dereitos de autor. Reunímosnos máis de douscentos profesionais procedentes de todos os recunchos de España. E isto só foi o principio.

Con máis de douscentos guionistas xuntos e tres días de encerro era inevitable que xurdira a palabra maldita, crise, que de tan manida, alomenos para min, empeza a quedar baleira de significado. Non se pode negar que estamos atravesando un mal momento, que hai moitos compañeiros en paro e que os orzamentos das televisións e institucións públicas caeron. Porén eu prefiro quedar co positivo. Nunca antes tantos guionistas ocuparan postos de productores executivos –varios de eles asistiron como ponentes ao encontro-, nunca antes tantos guionistas foron os principias creadores e controladores das súas ficcións e nunca antes houbera tantas plataformas audiovisuais (TDTs, móbiles, iPads, redes sociais, televisións online…) con fame de contidos. Estamos nun momento de cambio. Estamos asistindo á redefinición do modelo audiovisual imperante nas últimas décadas. O guionista, como creador de contidos, o que pare e dá forma ás ideas, vai xogar un papel cada vez máis importante neste novo modelo audiovisual 2.0 no que a fronteira virtual entre internet e televisión se vai difuminar cada vez máis. A clave estará en saber recliclarse e adaptarse.

Estou certo de que destas Conversacións de Valencia, parafraseando ao grande Bardem, agromará un novo guionista, un guionista politicamente eficaz, socialmente visible, intelectualmente competente, industrialmente potente e esteticamente… en fin, todo o estético que pode ser un guionista.

 

Outubro 11, 2010

Encontros de Guionistas e Productores

Filed under: Uncategorized — guionistasgalegos @ 6:07 pm

A Fundación Autor xunto co Sindicato de Guionistas ALMA organiza en Madrid unhas xornadas de encontros entre guionistas e productores para examinar cales son demandas actuais do mercado audiovisual en canto a contidos. As xornadas celebraranse en varias sesións, en outubro e novembro, ás que se pode asistir de forma independente. O custo de inscripción para os asociados a AGAG é de 25 euros. Tedes toda  información nos documentos a pé de post.

encuentros_guionistas_productores

boletin de inscripcion 2010

Outubro 10, 2010

Artigo do presidente de AGAG sobre o Encontro de Guionistas

Filed under: Asociacións Profesionais — guionistasgalegos @ 11:58 am

Reproducimos a continuación un artigo do presidente de AGAG, Xosé Henrique Rivadulla, Corcón, sobre o Primeiro Encontro de Guionistas que tivo lugar hai unha semana en Valencia.

Iº ENCONTRO DE GUIONISTAS.

O COMEZO DUNHA GRANDE AMIZADE

X. H. Rivadulla Corcón

Presidente da Asociación Galega de Guionistas e do Foro de Asociacións de Guionistas do Audiovisual.

O Institut Valencià d’Art Modern, durante os días 1, 2 e 3 de outubro, cambiou por completo a súa función para converterse na sala de partos dun hospital: o que alí se deu á luz foi o concepto de colectivo de guionistas. Non é que ata a data non existise ese concepto, pero si a un nivel máis teórico que práctico e visualizándose con certa distorsión. Sempre se falou de que os guionistas, polas características do exercicio da nosa profesión, traballamos dun xeito moi illado, e en certo modo facendo cada un a “guerra” pola súa propia conta. Sexa isto de todo certo ou non, a realidade era que precisabamos visualizarnos como colectivo para a partir de aí poder unificar criterios e deseñar estratexias comúns para a defensa idónea dos nosos intereses, ademais nun tempo, o actual, onde os guionistas debemos adaptarnos a novas canles de difusión do noso traballo, como as que nacen a través internet, e tamén a demandas anovadoras das cadeas de televisión, e incluso ás formas emerxentes en que hoxe o público quere ver o cinema e os produtos televisivos, e esta adaptación tamén precisa facerse como colectivo.

 

En Valencia foi onde tivo lugar o parto da nosa colectividade, que xa empezamos a prever que sería así ante o interese que espertou o Encontro, que chegou ás duascentas dezaoito inscricións. Nas ponencias e debates foi onde se fixo visible o colectivo de guionistas, onde empezamos a sentirnos parte dun todo, e isto creo que é realmente o máis importante, que os guionistas, os que estivemos en Valencia e os que non, interioricemos que somos un corpo único de profesionais con problemática común, e con moitos aspectos profesionais a compartir, e facendo isto será como chegaremos a acadar solucións e sobre todo a ser visibles. Este último concepto, ser visibles, é probablemente a “pedra filosofal” das solucións a nosa problemática laboral. Non é posible producir un produto audiovisual sen que todo dea comezo co traballo do guionistas, e logo todo siga encaixándose tamén ao redor do traballo feito polo guionista: o guión. Pero a pesar disto os guionistas somos uns profesionais case invisibles, evidentemente para o público, que poucas veces sabe e nin pretende saber quen escribiu ese programa, serie ou filme que lle apaixona, e dentro da propia industria é similar. E se reivindicamos esa visibilidade só é porque na medida en que o público e os profesionais tomen conciencia da nosa existencia, seremos tidos en conta e será valorada a nosa decisiva achega a cada produto no que traballemos, e en consecuencia os nosos dereitos serán respectados en concordancia con isto. Pero para logralo era preciso primeiro que nos propios tomásemos conciencia da nosa propia existencia como colectivo, e a partir disto traballar, movernos e existir, como un único corpo. Por certo, un corpo dunha magnitude importante, entre ALMA e FAGA temos asociados preto dos 800 guionistas, e hai un número moi importante sen estar asociado, é dicir que pasamos sobradamente dos 1000 guionistas.

 

En Valencia falouse dos dereitos de autor, do guionista na era de internet, dos novos perfís da nosa profesión e sobre as novas tendencias en programación, e se chegaron a conclusións que agora serán reivindicadas por nós, ante o Ministerio de Cultura, os departamentos de Cultura das Comunidades Autónomas, as Sociedade de Xestión, as distintas Canles de TV e os produtores. Algunhas serán atendidas debidamente, outras terán que agardar a mellores tempos, pero o máis importante é que “sempre nos quedara Valencia” como o lugar onde se visualizou o noso nacemento como colectivo, e sen dúbida este “é o comezo dunha grande amizade” entre todos os guionistas.

 

 

Outubro 6, 2010

Información sobre iniciativas do sindicato ALMA

Filed under: Uncategorized — guionistasgalegos @ 1:06 pm

O Sindicato de Guionistas ALMA editou un documento que, baixo o título “El Directorio del Guionista respetado”,  quere establecer unhas normas básicas nas relacións entre guionistas e productores para o mutuo repecto e entendemento entre ambas partes. Intentaremos conseguir unha copia e poñela a disposición de quen teña interese nela.

Tamén tedes nesta páxina  de ALMA un enlace que vos permite baixar en pdf  o documento onde se detallan os precios actuais dos distintos productos da escrita audiovisual.

Outra iniciativa interesante é un Encontro entre Guionistas e Productores que pretende poñer en claro cales son as tendencias e demandas das productoras e televisións en canto a formatos e contidos. Tedes aquí a información necesaria para ampliar datos sobre os citados encontros. Entre os ponentes están os responsables de desenvolvemento de Cuatro, Globomedia, Boca a Boca e Telecinco.

Masterclass en Madrid

Filed under: Formación — guionistasgalegos @ 12:10 pm

A SGAE organiza unha masterclass con Carlton Cuse, guionista e productor executivo da serie “Lost” (“Perdidos”) durante os días 14 e 15 de outubro en Madrid. Aquí tedes unha breve información sobre a masterclass, que durará 2 días e custará 150 euros. Botádelle un vistazo porque parece interesante polo seus contido. Póñovos continuación un mini-dossier da actividade.

Carlton Cuse Masterclass-información

Blog en WordPress.com.